Ortigueira programa catro novos roteiros de sendeirismo para o mes de abril
- Realizarase o Roteiro a Barqueiro, o Roteiro de Couzadoiro, o Roteiro de Loiba e o Roteiro de San Adrián
- Realizaranse os sábados 1, 15, 22 e 29 de abril
- Súmanse aos tres roteiros que se realizarán o xoves, venres e sábado de Semana Santa
Ortigueira programa catro roteiros de sendeirismo para os sábados do mes de abril.
Na primeira saída, que se celebrará este sábado, 1 de abril, realizarase o Roteiro do Barqueiro, un percorrido de 10 quilómetros, con 300 metros de desnivel. A saída será desde as 9 horas na Estación Feve de Ortigueira ou ás 9:30 horas na estrada xeral de entrada ao Barqueiro desde Ortigueira.
O segundo roteiro, que terá lugar o sábado 15, será na parroquia de Couzadoiro. Terá un desnivel acumulado de 500 metros e unha lonxitude de aproximadamente 10 quilómetros. A saída será ás 9 horas desde a Estación Feve de Ortigueira ou ás 9:30 horas da pista de fútbol sala de Couzadoiro.
A saída do sábado 22 será roteiro por Loiba. Conta cun desnivel de 150 metros e unha lonxitude de 9 quilómetros. A saída será ás 9 horas desde a Estación de FEVE de Ortigueira ou ás 09:25 horas desde o Centro Social de Loiba.
O último roteiro, que se celebrará o día 29, será por San Adrián, contará cun desnivel acumulado de 100 metros e a súa lonxitude é, aproximadamente, de 9 quilómetros. A saída será ás 9 horas desde a Estación de FEVE de Ortigueira ou ás 09:20 horas desde o Centro Social de San Adrián.
Para completar estes roteiros é recomendable levar calzado cómodo, auga e algo para comer.
Estas camiñadas forman parte da programación anual do Concello de Ortigueira, que programa roteiros durante os meses de outubro, novembro, decembro, xaneiro, febreiro, marzo, abril e maio, coincidindo coa tempada escolar, co obxectivo de promover os hábitos de vida saudables e fomentar a práctica deportiva.
Estes catro roteiros súmanse aos tres que están programadas o xoves, venres e sábado de Semana Santa, que serán por Ladrido e Espasante, a ‘Xeorruta dos Volcáns’ e por San Adrián, respectivamente.