A Escola de Música de Ortigueira presenta a programación da súa canle de YouTube para esta primavera
A Escola de Música de Ortigueira presenta a programación cultural da súa canle de YouTube para esta primavera.
Na canle EMCO pódese ver todos os mércores de marzo e abril unha programación baseada no turismo cultural, que inclúe varios concertos celebrados no municipio durante o pasado ano.
O programa comeza o 1 de marzo coa actuación de Carlos Núñez xunto coa Escola de Gaitas, que tivo lugar no mes de setembro na igrexa de Santa Marta; o 8 de marzo poderase ver a interpretación de Amigos para sempre da Banda de Ortigueira; o día 15 emitirase o Festival de Habaneras 2022, o 22 de marzo emitirase a canción de Diego de Braelle, “Todo cambiou”, o 29 de marzo o Ensemble Vocal EMCO interpretará o tema “O meniño mariñeiro”, o 12 de abril a Banda de Ortigueira e algúns cantantes interpretarán a canción “Alegría”, o 19 de abril actuará Manuel Riveira e o 26 de abril pecharase a programación co vídeo promocional turístico de “As Valkirias”.
Ademais, durante estas emisións tamén se programan dúas sesións do ciclo “A escola no teatro”. A primeira celebrarase o venres, 31 de marzo, a cargo do conxunto vocal e alumnos de piano, e outra o 21 de abril, que será interpretada polo Combo da Escola xunto con diversos artistas.
Por outra banda, o ciclo “Música en Familia” desenvolverase a semana do 24 ao 28 de abril nas instalacións da Escola, con varias audicións diarias nas que poderán actuar todos os alumnos e alumnas da Escola de Música.
O Concello de Ortigueira anima a todos, veciños e visitantes, a visitar a canle de Youtube da Escola de Música e gozar destes fantásticos vídeos.