Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira programa a axenda de actividades para o mes de decembro, centrada no Nadal

  • Talleres do Nadal, a cabalgata de Papá Noel e música son os principais alicientes para o mes de decembro
  • O concerto de Borja Quiza, centrado na inmigración, poñerá punto e final á programación

O Concello de Ortigueira desenvolverá neste mes de decembro unha ampla programación cultural, musical e de lecer cunha forte presenza de actos relacionados co Nadal.

As actividades comezaron este sábado, 3 de decembro, co taller de elaboración de xabóns e o aceso de luces.

O vindeiro martes, 13 de decembro, celebrarase na Biblioteca Municipal o obradoiro para adultos “Adornos de nadal con patchwork”, impartido por Gabriela Villasuso. Empezará ás 16 horas e hai que inscribirse previamente na biblioteca ou a través do teléfono 981 400 101.

O mércores, día 14, será a quenda para os máis pequenos da casa cun contacontos infantil e un taller de “Elaboración de adornos de Nadal”. Serán dúas sesións, unha ás 16:30 h e outra ás 18 h, dedicadas aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.

O sábado, día 17, terá lugar o Concerto solidario de Nadal en favor de Aspromor, organizado polo Coro de Espasante. Será a partir das 18 horas na Igrexa Parroquial de Ortigueira.

O xoves, 22 de decembro, será a quenda para o Concerto de Nadal, impartido polos Alumnos da Escola de Música de Ortigueira do grupo vocal e combo de música moderna. Será na Escola de Música de Ortigueira, a partir das 20 horas.

O venres, 23 de decembro, impartirase no Centro Social de Ortigueira a partir das 17 horas o taller do Nadal “Decoración de galletas do Nadal” a cargo de Mundo Diversión. Vai dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos, e as inscricións poden formalizarse a través do número de teléfono 646 114 276.

Ese mesmo día, a partir das 19:30 horas, inaugurarase o Belén de Ortigueira, situado na Igrexa Parroquial, e a continuación a Coral Polifónica de Ortigueira ofrecerá o seu Concerto de Nadal. Ademais, celebrarase un acto en conmemoración do 25 aniversario do servizo do GES municipal.

O sábado, 24 de decembro, percorrerá as rúas de Ortigueira a cabalgata de Papá Noel a partir das 18 horas, e ás 19 horas será a recepción na carpa situada na Alameda.

O venres, 30 de decembro, terá lugar o taller do Nadal “Elaboración de marionetas do Nadal” no Centro Social de Ortigueira, a partir das 17 horas. Vai dedicado a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos e as inscricións poden materializarse no número de teléfono 646 114 276.

Como peche á programación da axenda cultural do mes de decembro, ese mesmo venres, 30 de decembro, terá lugar o concerto de Borja Quiza e Fernando Briones no Teatro dá Beneficencia. A actuación comezará ás 19:30 horas e a recollida de entradas poderá facerse desde o venres 23 de decembro.

Roteiros de Sendeirismo

Ademais, durante o mes celebraranse 3 roteiros de sendeirismo, por diferentes lugares municipais.

O martes, 6 de decembro, realizarase o Roteiro do Casón; o xoves, 8 de decembro, terá lugar o roteiro Cantís de Loiba – Espasante; e o sábado, 24 de decembro, levarase a cabo a Ruta das lendas da Faladoira.

Exposicións

Ademais, durante o mes de decembro pódense visitar no Claustro do Concello de Ortigueira a exposición fotográfica XVI Premio Luís Ksado de creación fotográfica e ‘Disparando cos meus ollos’ de Carlos Muíños.

Outras actividades

Ao longo do mes de decembro tamén terán lugar outras actividades, como as Xanelas de Nadal, para realizar un advento de luces ata a chegada do Nadal nos edificios; o Concurso de Escaparatismo de Nadal e a programación virtual de Nadal da Ecola de Música, a través da súa canle de Youtube.

Back to top