O Concello de Ortigueira programa unha nova edición de ‘Conciliortigueira’ por nadal
- Está dirixido, preferentemente, a familias con fillas e fillos empadroados/as en Ortigueira, que necesiten conciliar a súa vida laboral e familiar
- Hai un total de 20 prazas, que serán asignadas por orde de inscrición
- O prazo para presentar a solicitude finaliza o 21 de decembro, ou cando se completen todas as vacantes
O Concello de Ortigueira programa unha nova edición de ‘Conciliortigueira’ para este nadal, que ten como obxectivo facilitar a conciliación laboral e familiar das familias do municipio.
Está dirixido, preferentemente, a familias con fillas e fillos empadroados en Ortigueira, que necesiten conciliar durante estas datas tan sinaladas no calendario.
As actividades darán comezo o día 23 de decembro e estenderanse ata o día 5 de xaneiro, en horario de 09:00 h a 14:00 h, no CEIP José María Lage.
O programa, que é totalmente gratuíto, conta co cofinanciamento da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.
Ofértanse un total de 20 prazas, que deberán solicitarse a través do Rexistro Xeral do Concello de Ortigueira, ben presencialmente ou a través da sede electrónica. O prazo de solicitude está aberto ata o próximo 21 de decembro, ou ata ocupar a totalidade das prazas.