ORTIGUEIRA BUSCA REDUCIR NUN 40% AS EMISIÓNS DE CO2 COA REDACCIÓN DO PACES
O Concello de Ortigueira licita por 6.000 euros a redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES) co que pretende “reducir as emisións de CO2 no noso municipio e incrementar a eficiencia enerxética”, destacou o alcalde, Juan Penabad Muras.
A través deste proxecto, a empresa adxudicataria realizará unha auditoría municipal de consumos enerxéticos co obxectivo de adaptar o PACES para conseguir a mitigación do 40% das emisións de CO2 no ano 2030 a través da análise do consumo eléctrico municipal da iluminación pública, os edificios e equipamentos municipais, os vehículos e o transporte público.
“Esta iniciativa permitirá analizar en profundidade a eficiencia enerxética das instalacións e maquinaria municipal, así como estudar proxectos que permitan fomentar a reciclaxe, a reducción do consumo eléctrico e da auga e o uso de enerxías alternativas. Todo co máximo fin de facer do noso Concello un espazo máis eficiente a nivel enerxético e respectuoso co medio ambiente dentro do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía”, sinalou o rexedor ortegano. “Estas accións forman parte da nosa aposta por un municipio máis eficiente enerxeticamente, son unha folla de ruta a seguir nos próximos anos para reducir o consumo nos edificios e renovar a iluminación de todas as parroquias adaptándoas ás necesidades actuais da poboación” explicou o rexedor ortegano.
O plan está en fase de licitación e as empresas interesadas en presentar as súas ofertas poderán facelo ata o 19 de outubro.