O CONCELLO PRESENTA AS ALEGACIÓNS CONTRA O PARQUE EÓLICO DO BARQUEIRO
O Concello de Ortigueira presentou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico as alegacións contra o parque eólico do Barqueiro. O Consistorio sinala nelas os efectos negativos que terá a instalación destes aeroxeradores a nivel social, económico e ambiental, así como o incumprimento de diversas normativas nas localizacións seleccionadas para a súa disposición.
O rexedor de Ortigueira, Juan Penabad Muras, sinalou que “desde o Concello realizamos un estudo exhaustivo destas instalacións, das irregularidades que presentan e do impacto que poden provocar ao atoparse na primeira liña de litoral, moi próxima a vivendas, negocios locais e explotacións de diversa índole”, informou.
Así pois, o Consistorio incide a través destas alegacións sobre o impacto acústico e lumínico que o PE tería sobre os veciños de Ortigueira debido á proximidade dos aeroxeradores ás vivendas. Dentro das áreas de potencial eólico sitúanse máis de 1.906 núcleos de poboación. Iso supón non só un problema para o benestar da poboación, senón tamén para o valor patrimonial dos inmobles, as actividades económicas, o reto demográfico ou o emprendemento. As explotacións forestais, madeireiras e agrogandeiras tamén se verán afectadas.
Así mesmo, o Concello informa sobre a vulneración da normativa ambiental da Unión Europea, xa que este parque supón unha profunda transformación que implica áreas de alto valor ecolóxico. Tamén remarca a fragmentación artificial e ilegal do proxecto conxunto, eliminando a posibilidade de avaliar a iniciativa ao completo. Do mesmo xeito, o Concello manifesta a irregularidade derivada da colocación de aeroxeradores fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico ( ADEs) do Plan Sectorial Eólico de Galicia sen a declaración da incidencia territorial do proxecto por parte da Xunta de Galicia.“Hai que engadir tamén os posibles efectos na candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal, que podería fracasar pola instalación deste PE, coas súas correspondentes perdas de beneficios económicos, sociais e medioambientais”, indicou Penabad Muras.
“Os investimentos no noso municipio son ben recibidos, pero non podemos hipotecar o futuro da nosa veciñanza, así como o seu benestar”, destacou o rexedor, quen tamén informou de que “se poden seguir presentando alegacións ao proxecto”. O Concello habilitou unha oficina de asistencia para os orteganos e orteganas que quixesen informarse sobre o PE e presentar as súas alegacións, que seguirá operativa para aquelas persoas que soliciten máis datos. “A documentación está a disposición dos veciños, e estamos preparando diferentes materiais complementarios, para ofrecer a información máis completa posible”,informou Penabad Muras. “É a primeira vez na historia deste Concello que se pon a disposición da poboación todos os detalles dun proxecto eólico”, indicou e sinalou que a empresa non enviou ao Concello ningún documento para a súa exposición e consulta pública.
A presentación destas alegacións súmase á reunión que o rexedor solicitou á ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribeira, para expoñerlle os efectos negativos que terá para o municipio o parque eólico.
O parque eólico do Barqueiro terá efectos nas condicións de vida actuais e as actividades dos veciños das parroquias de Céltigos, Espasante, Ladrido, Barbos, Mosteiro, Couzadoiro, Devesos, Freires, Cuíña, Mera de Arriba, Santiago de Mera, San Claudio, Ermo e As Neves.
Outras alegacións presentadas
Ao anteriormente sinalado, súmase a inadaptación do proxecto á avaliación ambiental estratéxica do sector eólico en Galicia ou á zonificación ambiental para enerxías renovables definida polo propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
Pola outra banda, o Concello sinala o carácter estritamente mercantil do proxecto, que terá escasa ou nula incidencia positiva na loita contra o cambio climático. “Todo indica a que se queren aproveitar dos accesos á rede que quedarán libres tras a liquidación da termoeléctrica das Pontes”, indica o goberno local.
Ademais, tamén afectaría a 44 elementos patrimoniais, entre eles os cruces de San Pedro, o túmulo de Monte dous Gatos, o Forno dos Mouros ou a igrexa de Barba.
O equipo de goberno local informou ademais de que a complexidade técnico-xurídica do presente procedemento e a feble posición dos particulares afectados respecto diso dos seus dereitos de participación no mesmo, crean unha situación de desvantaxe en contra do cidadán, que só ten 30 días para analizar e presentar alegacións a un proxecto que é moi complexo e voluminoso.