ORTIGUEIRA MELLORA A ACCESIBILIDADE NO CONCELLO COA RENOVACIÓN DO ASCENSOR
Ortigueira mellora a accesibilidade da Casa do Concello coa renovación do ascensor, que agora chega ata a terceira planta do edificio, onde se atopa o salón de plenos. As actuacións, que xa finalizaron, permitiron tamén instalar unha pantalla informativa na entrada do inmoble.
As actuacións realizadas nas dependencias municipais contaron cun orzamento de 65.745 euros con cargo ao Plan Único da Deputación dá Coruña.
Co obxectivo de ofrecer unhas instalacións accesibles para todas as persoas, o Concello renovou o ascensor, que antes tan só cubría as dúas primeiras plantas, pero que agora chega ata a terceira, onde se atopa o salón de plenos, ao que anteriormente só podíase acceder a través das escaleiras.
Para poder ofrecer un itinerario accesible a esta dependencia, cambiouse a cabina por unha de características similares, pero con dobre embarque a 90º. Desta forma, o elevador conta con dous accesos na planta baixa, un deles situado fronte á entrada para que todas as persoas que accedan ao edificio saiban que contan con este mecanismo para desprazarse. O dobre embarque facilita que os usuarios e usuarias non teñan que virar no interior da cabina, se non que entren xa na dirección de desembarque.
“A Casa do Concello é un dos edificios públicos con uso máis frecuente e continuado, xa que nel tamén se atopan o Teatro de Beneficencia e salas de exposición, sendo un espazo que presta un importante servizo social e administrativo aos veciños e veciñas que debe ser accesible a todas as persoas”, sinalou o alcalde do municipio, Juan Penabad Muras.
Á súa vez, dentro das actuacións neste inmoble barroco, catalogado de interese histórico artístico, instalouse unha pantalla informativa. Nela proxectaranse as novidades sobre as diferentes actividades culturais e deportivas que acolle o municipio cada mes, así como os diversos programas de Igualdade, conciliación e outros. Tamén se anunciarán ofertas de emprego.