O PLAN DE CHOQUE CONTRA A VESPA VELUTINA DO CONCELLO PERMITE CAPTURAR PRETO DE 3.000 RAÍÑAS
O plan do Concello de Ortigueira para frear á vespa velutina consegue capturar preto de 3.000 raíñas desde o 25 de maio ao 15 de xuño, evitando a creación de novos niños.
O Consistorio, a través da Asociación Galega de Apicultura ( AGA) Ortegal, colocou preto de 200 trampas co obxectivo de frear esta especie invasora, que afecta á biodiversidade, á produción apícola e frutícola e cuxa expansión en zonas poboadas incrementa o risco de que as persoas sufran algunha das súas picaduras.
“En tan só 22 días, no comezo dun ano de traballos, capturáronse un total de 2.859 raíñas, evitando que estas crearan os seus niños, o que permitirá, primeiramente, protexer o medio ambiente e biodiversidade da zona, e segundo, aforrar en custos ao non ter que retirar os niños. Ademais, o equipo de traballo do Grupo de Emerxencias Supramunicipais de Ortigueira poderá estar dispoñible deste xeito para outro tipo de emerxencias, contribuíndo a unha mellor xestión do servizo”,sinalou o concelleiro de Medio, José Luis Pérez.
Pérez agradeceu a AGA Ortegal “o traballo que fai no noso municipio, esencial para frear a expansión da avespa velutina, así como aos veciños e veciñas pola súa colaboración en todo momento”.
O Concello lembra que as persoas que avisten un niño desta especie invasora poden contactar co teléfono 603 47 30 44 para informar da súa localización e que os servizos de emerxencia procedan á súa retirada.