Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO ACOMETE UNHA IMPORTANTE MELLORA NA ALAMEDA DE ORTIGUEIRA CUNHA NOVA PAVIMENTACIÓN E ACTUACIÓNS DESTINADAS A CONSOLIDALA COMO ESPAZO DE OCIO

O Concello de Ortigueira levará a cabo un ambicioso plan para remodelar un dos espazos máis emblemáticos da vila, a alameda de Santa Marta, e acaba de abrir o proceso de contratación das obras, cun investimento de 59.591,23 euros que se financia a través do POS+ 2020 da Deputación Provincial.

O alcalde, Juan Penabad Muras, destacou a importancia deste proxecto, que mellorará a totalidade do espazo público, e que inclúe actuacións específicas moi necesarias como a mellora do pavimento nunha zona na que abundan as terrazas de hostalería e na que se celebra o mercado semanal, ademais de embelecer todo o conxunto.

Os traballos consistirán basicamente na eliminación de obstáculos e desniveis na alameda, mellorando así a súa accesibilidade e seguridade e facilitando o seu uso por parte da cidadanía. Hai que insistir en que a alameda é un espazo central da vila, lugar de encontro de familias e veciñanza tanto para realizar as súas compras no mercado dos xoves como para aproveitar o seu tempo de lecer paseando, levando aos nenos e nenas ao parque infantil da zona ou acudindo ás terrazas dos establecementos situados neste contorno.

A actuación terá como un dos seus obxectivos intervir para preservar o espazo de arbolado, 54 plátanos de gran antigüidade que son o máis importante sinal de identidade desta alameda. Os espazos nos que están plantadas as árbores quedáronse demasiado pequenos e as raíces producen levantamentos do pavimento contiguo e irregularidades que provocan tropezos e caídas. No proxecto figura unha ampliación e renovación do firme que bordea os plátanos para solucionar este problema, unificando todo o espazo para facilitar a accesibilidade e circulación tanto peonil como con carros de bebé ou cadeiras de rodas.

Na mesma zona, o escudo de Ortigueira que figura no pavimento central pasa na actualidade practicamente desaparcibido polo desgaste e a suciedade acumulada sobre o chan, de xeito que será reparado para que poida destacar de novo. Nas súas proximidades existe tamén unha zona que non ten baldosas e foi rematada no seu momento con cemento de maneira provisional, algo que se corrixirá coas novas obras.

Tamén se reparará o muro baixo de peche que separa da zona de aparcamento e que adoita ser utilizado como asento, e se dotará a este espazo de zona wifi para favorecer a estancia neste contorno de ocio. Esta zona wifi estará sinalizada sobre o propio pavimento cun deseño personalizado que inclurá a imaxe corporativa do Concello.

Do presuposto total da intervención, o montante maior se corresponde con tarefas de pavimentación, que supoñen arredor de 30.000 euros, mentres que actuacións de mobiliario urbano superan os 7.000.

Back to top