O CONCELLO PRESENTARÁ AS PUBLICACIÓNS DO PROXECTO “CON VOZ DE MULLER” O 8 DE MARZO EN MERA E ESPASANTE
O traballo realizado no marco do proxecto “Con voz de muller”, que leva a cabo o CIM de Ortigueira nas parroquias do municipio, terá de novo protagonismo con motivo da celebración do Día da Muller.
O 8 de marzo, coincidindo coa conmemoración internacional desta data, levarase a cabo a presentación das publicacións realizadas grazas á participación das veciñas de Mera e Espasante, que dentro deste proxecto contaron en primeira persoa a súa vida, a historia das súas parroquias e que papel xogaron nela as mulleres.
Estes libros, impresos pola Deputación Provincial, presentaranse ás 11.00 horas no local social de Santiago de Mera e ás 17.00 no do porto de Espasante. Debido a actual situación sanitaria, para asistir será necesario inscribirse con anterioridade a través do correo electrónico cim@concellodeortigueira.com ou chamando ao número de teléfono 981 402 542.
As publicacións estarán tamén a disposición do público en xeral na biblioteca municipal e no Concello e os contidos xerais do proxecto “Con voz de muller” colgaranse na web do Concello o mesmo día, xunto co manifesto da Fegamp con motivo do 8 de marzo.
O programa conmemorativo continuará o vindeiro día 17, coa celebración dun obradoiro de fotografía e xénero que será impartido en liña por Ffotoeduca e no que se afondará nas fotografías que ilustran o devandito proxecto municipal. Tamén neste caso poderase realizar a inscrición gratuíta a través do correo electrónico do Centro de Información á Muller.