O CONCELLO INSTALARÁ ILUMINACIÓN PÚBLICA MÁIS POTENTE E DE MENOR CONSUMO NA AVENIDA PRINCIPAL DE ORTIGUEIRA E COMPRARÁ UN SEGUNDO CAMIÓN DE RECOLLIDA DE LIXO E NOVA MAQUINARIA DE DESBROCE
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, informou dos proxectos que o Concello sufragará con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental do ano 2021, un conxunto de obras e servizos que suman 164.256 euros e que terán como obxectivo afondar no traballo de conservación do medio ambiente que se desenvolve desde a administración local e mellorar a calidade de vida e os servizos que se prestan á cidadanía.
A intervención na iluminación pública para que sexa máis eficiente e sostible é unha das prioridades municipais. Muras explicou que a actuación que se financiará con estes fondos cambiará de xeito notable a imaxe da avenida principal de Ortigueira, xa que os novos puntos de luz terán maior potencia lumínica e unha cor máis branca e intensa cun menor consumo. Ademais, conseguirase unha reducción significativa do número de emisións de dióxido de carbono á atmósfera e tamén un aforro para as arcas do Concello.
O plan consiste en cambiar 84 puntos de luz pouco eficientes ao longo da avenida principal da vila por outros LED de menor potencia. O proxecto -que se executará entre os lugares de A Garea e A Ventaten un orzamento de 69.896 euros e implica a retirada e substitución das luminarias existentes, e o cambio de cinco cadros de mando por uns novos que irán canalizados de xeito subterráneo ata a beirarrúa. Tamén se reemplazarán os cinco armarios de cadros de mando actuais por uns novos.
O Concello está traballando xa nun proxecto de similares características para Espasante e a intención do goberno, segundo explicou o alcalde é ir avanzando paulatinamente na substitución de toda a iluminación pública do municipio para que sexa máis eficaz e económica.
A mellora da eficiencia na recolllida selectiva de residuos sólidos urbanos é outra das iniciativas que se financiarán co Fondo de Compensación Ambiental. Neste caso destinaranse un total de 59.270 euros á compra dun segundo camión de recollida de lixo e dun total de 19 colectores amarelos, os destinados a envases lixeiros. O novo vehículo facilitará precisamente a retirada do material depositado nestes contedores e, desta maneira, en combinación co que xa existe, permitirá crear novas rutas para conseguir unha maior satisfacción da veciñanza e a eliminación paulatina de puntos de vertido incontrolados. Con estas adquisicións conseguirase igualmente un mellor funcionamento en tempo e forma da retirada de residuos e, polo tanto, un servizo máis axeitado para a poboación.
O Concello completará con estas propostas outras intervencións municipais neste eido, como a xestión da diminución do custo do servizo de tratamento de refugallos ou a petición á Xunta de novos colectores de recollida de papel e cartón.
Finalmente, o goberno adquirirá unha desbrozadora de brazo que se pode acoplar a un dos tractores que xa ten o Concello no seu parque móbil e que se destinará a rozar as beiras das vías municipais e as pistas forestais para evitar que se cubran de maleza. Con esta nova maquinaria desenvolveranse tamén traballos de mantemento vexetal en zonas de pouca frondosidade durante o outono e o inverno. O presuposto para esta compra é de 35.090 euros e virá mellorar notablemente o equipamento para a protección do medio ambiente e dos espazos naturais,
O alcalde destacou a importancia de todos estes proxectos, que considerou esenciais para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e para contribuír ao coidado do medio ambiente.