O CONCELLO XESTIONA UNHA REDUCIÓN DO RECIBO DO TRATAMENTO DE LIXO CON SOGAMA
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, dirixiuse á empresa Sogama para solicitar unha bonificación do 10% no custo do tratamento de residuos durante este ano, tendo en conta que o Concello está en condicións de garantir a aplicación de medidas de redución de lixo e fomento da reciclaxe. Esta bonificación será trasladada á veciñanza no seu recibo, xa que -segundo explicou Muras- está en marcha o procedemento de modificación da ordenanza para levar ao vindeiro pleno ordinario da corporación. O canon actual de Sogama é de 69,48 euros por tonelada tratada máis o correspondente IVE.
Por outra banda, o alcalde trasladou á Subdirección Xeral de Residuos da Xunta a petición de subministro de 15 colectores de recollida de papel e cartón para poder substituír os que se atopan en peor estado. Muras lembra que desde hai uns anos o Concello está sacando adiante a mellora progresiva da reciclaxe e redución de residuos sólidos urbanos, recorrendo a varias subvencións entre as que destaca a concedida pola Deputación no 2017 para a compra de 80 colectores verdes e outros tantos amarelos, mellorando ademais as zonas de colocación. A esta axuda súmanse a adquisición de maquinaria, as campañas de formación e concienciación sobre a compostaxe ou a renovación dos colectores de vidro en colaboración con Ecovidrio. A estas actuacións hai que engadir tamén o esforzo feito con medios propios para avanzar en materia de limpeza. Por estes motivos, e tendo en conta que varios dos contedores de papel e cartón presentan un importante estado de deterioro, o Concello demanda eses 15 novos.
O alcalde destaca que manter o concello en boas condicións de limpeza e garantir un servizo axeitado de recollida de lixo é unha das súas prioridades.