Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE INFORMA AO PLENO DAS NOVAS MEDIDAS CONTRA A COVID E PIDE A SÚA COLABORACIÓN PARA BAIXAR O NÚMERO DE CONTAXIOS

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, informou á corporación, no pleno ordinario celebrado a última hora da tarde de onte, da situación epidemiolóxica do municipio, ao tempo que pediu a colaboración dos concelleiros e concelleiras na insistencia á poboación para que respecten as normas, adopten as medidas de precaución necesarias e, na medida do posible, manteñan o autoconfinamento. Muras, que expresou a súa preocupación polas consecuencias desta terceira onda da Covid-19 na localidade, asegurou que desde o Concello vai facer todo o que estea na súa man para minimizar o risco de contaxios, e neste propósito se incriben as últimas decisións adoptadas despois da suspensión do mercado semanal: o peche temporal da biblioteca municipal, da Aula CeMIT e da Escola de Música Concello de Ortigueira, así como o restablecemento do teléfono de atención 24 horas co número 603 473 044.

O alcalde dixo que os datos que lle facilitou o xerente da Área Sanitaria na reunión mantida onte “asústanme”. A tasa acumulada en 14 días é de 811, moi por enriba de municipios que tamén atravesan unha situación difícil como Ferrol, Narón, Fene e Pontedeume, e con máis de sesenta casos activos. O luns celebrarase unha reunión técnica con todos os departamentos municipais para seguir a evolución da pandemia e manteranse tamén encontros semanais cos responsables da Área Sanitaria xunto co resto de concellos máis afectados.

Muras lamentou a dureza destas necesarias medidas, tamén desde o punto de vista económico, e neste sentido adiantou que é conveniente comezar a traballar na convocatoria dunha nova liña de subvencións para autónomos, pemes e micropemes do municipio. Á primeira, segundo os datos ofrecidos onte, presentáronse un total de 102 solicitudes, das que 52 están concedidas e pagadas, 12 foron rexeitadas por diferentes motivos e o resto están pendentes de resolución. O rexedor lamentou que non haxa mecanismos máis áxiles para acelerar o pago das axudas en todas as administracións, ao tempo que lembrou que Ortigueira está nestes momentos sen interventora, unha circunstancia máis que se engade á xa difícil situación. Anunciou tamén que o Concello incrementará as tarefas de limpeza e desinfección e pediu á veciñanza que chamen á liña telefónica 24 horas para calquera problema relacionado coa Covid-19, expresando a súa confianza na boa disposición xeral para cumprir as normas e poder reducir os contaxios no menor tempo posible.

A pandemia foi o tema que pechou un pleno ordinario que se celebrou telematicamente e no que se aprobaron por unanimidade a desafectación da fábrica de salgadura do porto de Espasante e a unión de parcelas solicitada por unha empresa no polígono de A Rega-Cuíña.

O primeiro destes puntos facía referencia a un ben catalogado como de dominio público do que o Concello posúe 2/26 partes. Trátase dunha parte do legado de Dolores Díaz de Dávila que na actualidade é totalmente improdutiva. Por este motivo cambiarase a súa clasificación a ben patrimonial, o que permitirá poñelo á venda. Os beneficios que obteña o Concello desta operación pasarán á propia residencia da terceira idade que leva o bome da benefactora e parece que xa hai algunha iniciativa para realizar algún tipo de actividade na fábrica de salgadura, o que supón unha boa noticia, destacou Muras.

O segundo punto era unha petición da empresa López Gonsálvez Alimentación para que se autorice a unión de catro parcelas no polígono industrial de A Rega, xa que o reducido tamaño das mesmas non permite acometer o proxecto empresarial que queren desenvolver. A corporación mostrou o seu apoio unánime a esta proposta, ao tempo que se puxo de manifesto a necesidade de continuar negociando con Xestur a rebaixa no prezo das parcelas, e de seguir traballando para atraer máis empresas a Ortigueira.

O alcalde informou ademais á corporación do envío dos acordos adoptados polo pleno a raíz de diferentes mocións da oposición aos organismos correspondentes e deu resposta a preguntas formuladas polos grupos. Entre elas estaba o estado da Relación de Postos de Traballo, sobre a que dixo que o documento está finalizado e nestes momentos atópase en revisión por parte dos técnicos municipais para proceder canto antes ao comezo da negociación coa representación sindical. Outra das cuestións que se abordaron foron as obras no colexio, para as que xa hai un proxecto de 157.258 euros que inclúe pintado interior e exterior e renovación do patio infantil. Muras anunciou que a súa intención é obter fondos do POS da Deputación para que estes traballos poidan executarse durante o verán.

Moitas das cuestións que se tocaron no pleno de onte están pendentes da aprobación do presuposto municipal. O alcalde adiantou que o borrador está listo e que nos vindeiros días será entregado aos grupos para que poidan facer as súas suxestións e aportacións, engadindo que é importante contar canto antes con esta ferramenta para sacar adiante diferentes cuestións.

Back to top