COMEZAN AS OBRAS PARA DOTAR DE SUBMINISTRO ELÉCTRICO PROPIO AO PAVILLÓN MUNICIPAL
A empresa Camoga,S.L, comezará de inmediato as obras de instalación de subministro eléctrico de baixa tensión no pavillón polideportivo municipal, ao resultar adxudicataria dos devanditos traballos, que teñen un presuposto de 32.000 euros. A intervención é unha das incluídas polo Concello de Ortigueira no POS+2018 adicional e ten como obxecto solucionar os problemas eléctricos destas instalacións, que non posúen acometida eléctrica propia e se alimentan da Escola de Música.
Ademais de dotar ao pavillón dunha acometida independente, a empresa reformará o conxunto da instalación eléctrica e de iluminación, adaptándoa á normativa vixente. Instalarase un cadro único xeral de mando e protección, separado en servizos de forza e iluminación, que se situará na zona de acceso ás instalacións cunha porta baixo chave.