O ALUMNADO DA ESCOLA DE MÚSICA CONCELLO DE ORTIGUEIRA REALIZARÁ AS SÚAS AUDICIÓNS PARA O PÚBLICO INTERESADO A TRAVÉS DAS REDES
A Escola de Música Concello de Ortigueira non quere prescindir da semana branca destinada a audicións diarias en aberto que tiña previsto desenvolver antes da crise do coronavirus, e como tanto o alumnado como o profesorado continúa traballando online será esta tamén a vía que se utilice para manter a iniciativa.
Deste xeito, todo o alumnado fará unha audición desde a súa casa para a familia coa que convive, como se fose un concerto aberto ao público, é dicir coa mellor organización, presentación e profesionalidade. Os que desexen compartir cos amigos, o resto da familia e o público en xeral a súa actuación poderán facelo a través das súas redes sociais, etiquetando a entrada como “pública” para que a poidan ver todas as persoas interesadas e co hashtag #OrtigueiraéMúsica, de maneira que sexa fácil de localizar.