Chega en abril o ciclo ‘Música en familia’, con catro actuacións de intérpretes locais
A Escola de Música do Concello de Ortigueira organiza ‘Música en Familia 2024’ o próximo mes de abril, un ciclo musical composto por catro actuacións que buscan “reunir a familias e amigos en torno ao talento musical local”.
O ciclo arrincará co Concerto de Conxunto Vocal e Piano, o venres 19 de abril ás 19:30 horas. O escenario para esta estrea será o inigualable Teatro da Beneficencia.
Nos días seguintes, as actuacións continuarán xa na propia escola de música. O martes 23 de abril os músicos de guitarra e percusión mostrarán as súas habilidades nunha nova audición.
O venres 26 de abril o alumnado de Música e Movemento ofrecerá unha actuación interactiva na que mostrará a conexión entre a música e a expresión corporal.
O ciclo terminará o martes 30 de abril cunha audición de canto, vento madeira e metal.