Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA RECLASIFICARÁ AS PRAZAS DE SECRETARÍA E INTERVENCIÓN PASÁNDOAS DE PRIMEIRA A SEGUNDA CLASE

A Comisión de Asuntos Especiais de Ortigueira deu hoxe o visto bo á proposta do goberno para reclasificar os postos da Secretaría e a Intervención municipais, un asunto que se levará á sesión plenaria convocada para o vindeiro día 14 ás 9.00 horas. Na actualidade, tanto a Secretaría como a Intervención deste Concello están reservados para funcionarios/as da administración local con habilitación de carácter nacional e categoría superior das subescalas de Secretaría e Intervención-Tesourería, respectivamente, a pesares de que a entidade non reúne os requisitos para esta clasificación segundo o RD 128/2018 de 16 de marzo.

Esta situación vén ocasionando problemas para cubrir estes postos de maneira definitiva e nos últimos anos están sendo ocupados con carácter provisional, unha situación de inestabilidade que prexudica ao Concello -di a proposta- nuns cargos tan importantes como estes. A reclasificación permitirá garantir a inamobilidade dos seus titulares e estará en consoancia co que se establece para os Concellos que teñen entre 5.001 e 20.000 habitantes: unha Secretaría e Intervención de clase segunda, é dicir, reservada a funcionarios/as da administración local con habilitación de carácter nacional e categoría entrada das subescalas de Secretaría e Intervención-Tesourería, respectivamente.

A proposta, unha vez aprobada polo pleno, será trasladada á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para que proceda á reclasificación. Tamén resultou aprobada na comisión para a súa ratificación na sesión plenaria, a proposta de festivos locais para o 2019, que serán o 13 de xuño, día de San Antón, e o 29 de xullo, día de Santa Marta.

Na orden do día incluiranse tamén a adscrición do Concello de Ortigueira ao convenio entre Fegamp, Xunta e Seaga para a loita contra incendios e unha moción do PSOE para paliar os danos ocasionados polos xabarís. Fóra da orde do día, debatirase o convenio para que o Sergas asuma os gastos de mantemento do centro de saúde de Ortigueira.

Back to top