Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Xira “Música e valores”

Este evento terminou

Musica e valores é o título da xira que realizará a Banda Sinfónica de Galicia neste 2019 e que levará o seus sons ás terras do Eo, Lemos e Ortegal.

A Banda Sinfónica de Galicia (BSG) xurde da consolidación do proxecto da Banda Sinfónica Infantil e Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia, e da continuidade á labor pedagóxica que se leva facendo dende o 2015 dentro do Plan Nacional de Bandas.

A agrupación está formada por 46 compoñentes (entre 14 a 22 anos), procedentes de diferentes bandas, escolas e conservatorios das catro provincias galegas. Os seus directores son: Carlos Diéguez, David Llano e Quique Lagares.

Destaca no programa de concerto desta xira a interpretación e edición de obras de compositores galegos menores de 23 anos (Carme Rodríguez de Ribadeo, e Manuel Vázquez de Cea), a participación como solistas dos galardoados no concurso “Proxectando Sons” (Jaime Estévez co saxo alto e Iván Carballal co bombardino) ou tres pezas que teñen unha conexión especial cos auditorios onde soarán: Ribadeo, Sober e Ortigueira.

Un dos pilares básicos deste proxecto son os valores, uns valores que se fomentan e potencian por medio do traballo en equipo, como é o caso de tocar nunha banda. Esa convivencia a través da afección pola música, os gustos e intereses comúns, compartindo preocupacións, alegrías, triunfos e ca seguridade de contar cun apoio incondicional dos compañeiros da banda.

Os valores son o cimento das relacións duradeiras, o respecto polos compañeiros, o traballo colaborativo, ser xeneroso, prestar axuda sen demandar nada a cambio, son pequenos detalles no decorrer diario que sentan as bases da nosa propia personalidade. Esto é primordial para facer música e todo elo fai posibles as sinerxías entre tódolos membros dunha banda. Tocar, escoitar, sentir, compartir experiencias fai da música algo único.

Estes novos músicos galegos comparten a amizade como leitmotiv da música, dos valores, da convivencia, da vida.

O encontro terá lugar entre os días 5 ó 11 de Agosto en Ortigueira (A Coruña), realizando unha xira con 3 concertos (Ribadeo, Sober, Ortigueira). A xira 2019 da Banda Sinfónica de Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, dos Concellos de Ortigueira, Ribadeo e Sober, Xacobeo 2021, así como das escolas e bandas de ditas vilas e das empresas Editorial Dos Acordes e Piccolo Music Store

Back to top