REUNIÓNS NAS PARROQUIAS PARA BUSCAR SOLUCIÓNS AOS DANOS QUE OCASIONAN OS XABARÍS
As reunións acordadas na mesa de traballo constituída en Ortigueira para buscar solucións aos danos que ocasionan os xabarís no municipio comenzarán hoxe luns no local “O noso lar” de Couzadoiro ás 20.30 horas. O encontro ten como obxectivo que os veciños aporten suxestións sobre como reducir ou compensar os problemas que ocasiona a presenza destes animais e, sobre todo, recoller datos sobre a superficie afectada. Mañá martes, á mesma hora, celebrarase outro encontro no centro social do Ermo, o mércores no de Loiba e o xoves no de Ortigueira.
O alcalde, Juan Penabad Muras, expresou a súa preocupación polos estragos que provocan os xabarís nas colleitas, pastos, etc. e tamén polo feito de que as denuncias oficiais sexan moi escasas. A idea é que as notificacións cheguen ao rexistro da Consellería do Medio Rural, que é a competente, para que se tome conciencia da magnitude do problema. Esta será unha das cuestións que se abordarán nas reunións nas parroquias. Aos danos que ocasionan os xabarís teme que pronto haxa que engadir os provocados polos lobos e incluso polos voitres que xa se teñen establecido na serra da Capelada.