Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO DE ORTIGUEIRA APROBA POR UNANIMIDADE O CONVENIO PARA QUE O SERGAS ASUMA O MANTEMENTO DO CENTRO DE SAÚDE

O pleno de Ortigueira aprobou esta mañá por unanimidade o convenio co Sergas polo que este organismo asume a titularidade do centro de saúde e, polo tanto, os gastos que comporta o seu mantemento. O alcalde, Juan Penabad Muras, expresou ao finalizar a sesión a súa satisfacción polo feito de que se dea cumprimento ao Pacto Local e o Concello quede liberado do importante esforzo económico que fixo durante moitos anos, ao tempo que lembrou que esta foi unha cuestión que xa viñan demandado os rexedores que o precederon no cargo.

Tamén se aprobou por unanimidade a reclasificación dos cargos de Intervención e Secretaría, rebaixando a súa categoría para que esta sexa acorde coas dimensións do Concello. Deste xeito rematarse coa inestabilidade que viña supoñendo a continua mobilidade dos titulares nuns postos tan importantes como estes para o funcionamento do Concello.

Outro dos puntos que contou co voto a favor de todos os grupos foi o convenio con Fegamp, Xunta e Seaga para a loita contra o lume. Como explicou o alcalde ao concluír o pleno, os titulares de montes poderán recorrer agora a esta empresa para a xestión da biomasa forestal e as especies arbóreas nas faixas secundarias en condicións vantaxosas: 350 euros por hectárea ao ano (0,035 euros por metro cadrado). Ademais, o Concello terá axuda da Xunta para elaborar un plan municipal contra incendios e apoio na redacción da numerosa documentación que hai que preparar para a xestión da biomasa. A moción presentada polo grupo municipal socialista para instar á Xunta a adoptar medidas para controlar a poboación de xabarís tamén foi aprobada por unanimidade. Entre outras cousas pídese que se contemple a elaboración dun plan de xestión e unha liña de axudas para os afectados polos danos nos cultivos.

Por último aprobáronse os festivos locais, que –recollendo as peticións veciñais- serán o 13 de xuño, día de San Antón, e o 29 de xullo, día de Santa Marta. Este asunto foi aprobado con 4 votos a favor e 5 abstencións.

Back to top