Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GOBERNO CONSEGUE A SOLVENCIA ECONÓMICA DO CONCELLO DESPOIS DE LIQUIDAR PRÉSTAMOS BANCARIOS POR IMPORTE DE 2,8 MILLÓNS DE EUROS

O goberno de Ortigueira liquidou a totalidade da débeda polos préstamos bancarios que herdou do anterior equipo do PP por importe de case 2,8 millóns de euros (2.791.233,65 euros). Esta cantidade correspondíase con seis créditos concertados con entidades financeiras que o goberno que preside Juan Penabad Muras foi amortizando desde o comezo do mandato, de xeito que agora o Concello está en situación de solvencia económica.

O pasado 25 de setembro cancelouse o último dos préstamos, por importe de 1.624.948,75 euros, vinculado ao Plan de Axuste municipal que o Ministerio de Economía esixiu no seu día aos concellos que necesitaban sanear as súas contas.

Anteriormente, no 2017, liquidáronse outros dous de 497.046,23 euros que se pediran para a compra de terreos e construción da piscina; no 2016 dous máis de 533.703,6 destinados a pagos de proxectos, e no 2015 un por importe de 135.535,07 euros.

O goberno destaca a importancia da cancelación desta débeda porque, ademais de conseguir unha economía municipal solvente “evítase o pago de intereses e por tanto a perda de recursos económicos que poden ser destinados a outras necesidades”. Neste sentido agradeceu a comprensión da veciñanza porque non fose posible levar a cabo más investimentos dos que se levan feito, xa que parte dos recursos tiñan que se destinar a facer fronte a esta débeda.

Muras amosou a súa satisfacción por ter liquidado os préstamos catro anos antes do previsto no Plan de Axuste, que contemplaba a súa cancelación no 2020, evitando así máis custos derivados do pago de intereses. Aínda que na actualidade seguen vixentes algúns créditos con administracións públicas “non xeran intereses e están sobradamente soportados polos aforros realizados no ano 2017”, os chamados remanentes de tesourería.

Na situación actual xa é posible dar os pasos para saír do Plan de Axuste “que tanto condiciona a vida municipal”. Neste sentido, o alcalde destaca que están cumpridos os tres retos máis importantes que se marcou ao inicio do mandato: sanear a economía do concello, atender as necesidades de gasto corrente e prestación de servizos esenciais para as familias e acometer os investimentos necesarios para o desenvolvemento de Ortigueira. O rexedor municipal agradece o bo facer do persoal municipal para posibilitar estes obxectivos e destaca “a permanente iniciativa do goberno local de busca de recursos ante outras administracións, nomeadamente a Deputación da Coruña, que está sendo -dixo- un balón de osíxeno para os concellos”.

Back to top