NOVOS CURSOS DE PREVENCIÓN NA CONSTRUCIÓN NO CONCELLO DE ORTIGUEIRA
O Concello de Ortigueira recibiu unha nova gratificación da Fundación Laboral de la Construcción -a través do Organismo Paritario en la Prevención en Construcción (OPCC)- consistente en dous cursos de nivel básico para 25 alumnos.
O primeiro será sobre prevención na construción, cunha duración de 60 horas e que se impartirá do 13 ao 28 de maio en horario de 8.30 a 14.30 horas.
O segundo tratará sobre prevención de riscos laborais para operadores de aparatos elevadores, neste caso de seis horas de duración e que terá lugar o día 28 de maio de 8.30 a 14.30 horas.
Ámbolos dous estarán coordinados pola orientadora laboral do Concello, Marika Álvarez.
O prazo de inscrición, que se realizará no rexistro municipal, está aberto ata o 7 de maio e terán prioridade para se apuntar as persoas pertencentes ao sector da construción e afíns.
Os desempregados terán que presentar o DNI e a tarxeta de desemprego, mentres que as persoas ocupadas deberán aportar, ademais do DNI, un certificado de vida laboral.