Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

SAEN A CONTRATACIÓN POR 159.000 EUROS AS OBRAS DE REFORMA DA DEPURADORA DE ESPASANTE

Desde hoxe e ata o 12 de setembro incluído está aberto o prazo para que as empresas que queiran optar á concesión das obras de reforma e adecuación do sistema de saneamento de Espasante poidan presentar as súas ofertas. O presuposto dos traballos é de 158.936,16 euros (IVE incluído) e o prazo de execución de seis meses.

As obras permitirán corrixir os problemas da EDAR de Espasante, que se remontan a 2008 cando foi entregada ao Concello, aínda que nunca chegou a funcionar correctamente. Ademais, as instalacións atopábanse nunha situación irregular porque carecían de concesión para ocupación de terreos de dominio público, polo que o goberno de Juan Pebanad Muras tivo que tramitar permisos ante cinco organismos diferentes para solventar estes atrancos.

As obras afectarán ás estacións de bombeo da rúa Miramar e a situada na confluencia das rúas Hortas do Río e Praia, así como á propia estación depuradora. Nas dúas primeiras instalacións colocaranse unhas tapas axeitadas para impedir a saída de olores e levaranse a cabo a limpeza interior dos pozos, a colocación de novas bombas e a adecuación da condución eléctrica. Na EDAR acometerase o vaciado, limpeza e xestión de residuos así como a instalación de novos equipos para que poida funcionar con normalidade.

Coa execución destas obras darase solución ao problema da depuración en Espasante e garantirase unha mellor calidade de vida para os veciños e veciñas.

Os pregos de condicións da contratación, que ten carácter ordinario, pódense consultar na plataforma de contratación do Estado ou no perfil do contratante do Concello de Ortigueira.

Back to top