saltar al contenido Saltar a la navegación principal Saltar al pie

El CIM incorpora el servicio de teletraducción de la Xunta para poder atender en 51 idiomas diferentes

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Ortigueira está de alta desde o pasado 28 de maio no servizo de teletradución simultánea da Xunta de Galicia. Trátase dunha plataforma totalmente gratuíta que permite ás mulleres vítimas de violencia de xénero, de trata de persoas, ou que buscan asesoramento xurídico ou psicolóxico comunicarse en 51 idiomas, facilitando o acceso inmediato a asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axudas económicas e centros de acollida sen que a lingua sexa un obstáculo.

A implantación deste recurso no municipio responde directamente o incremento de mulleres migrantes de nacionalidades moi diversas, como a marroquí, a ucraína ou a británica, que acoden ao centro en busca de apoio legal ou psicolóxico. O obxectivo é eliminar a tensión engadida que provoca a barreira idiomática e garantir que a comunicación verbal sexa eficaz en situacións de especial vulnerabilidade.

A directora do CIM de Ortigueira, Ana Dopico, explica que o aumento de usuarias de distintas orixes “foi o motivo principal para solicitar a alta na plataforma”. Dopico sinala que, grazas a esta ferramenta, agora poden atender as mulleres no seu idioma materno, un factor que considera fundamental “para que se sentan seguras e comprendidas desde o primeiro momento en que solicitan axuda”.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Elisa Dorna, destaca que esta medida reforza o compromiso do Concello coa igualdade e a protección social, asegurando que “ningunha muller quede desamparada por motivos de orixe ou idioma”. Dorna recalca que o obxectivo prioritario do goberno local é “poñer todas as ferramentas posibles ao servizo das veciñas máis vulnerables, garantindo unha resposta pública rápida e próxima”.

Volver arriba