saltar al contenido Saltar a la navegación principal Saltar al pie

Finalizada la VI edición de la Universidad Senior en Ortigueira

O Teatro da Beneficencia acolleu onte a última charla e o acto de clausura da 6ª edición do Programa de Formación Universitaria Específica para persoas maiores de 50 anos, coñecido como Universidade Sénior. Esta iniciativa, froito da colaboración entre o Concello de Ortigueira, a Universidade da Coruña e a Xunta de Galicia, puxo punto final a dous meses de actividade académica cunha entrega de diplomas que acredita a dedicación do alumnado.

A concelleira de Cultura, Ana Cartelle, cualificou como “un rotundo éxito de participación” esta nova edición, pois se cubriron a totalidade das prazas dispoñibles durante o período de inscrición: 50. Do grupo inicial, un total de 40 veciños e veciñas da comarca lograron completar con éxito o programa docente, asistindo regularmente ás sesións celebradas os luns e martes no propio teatro.

Cartelle foi a encargada de presidir o acto —acompañada de Matilde García, directora do programa; e de Susana Iglesias, subdirectora— e de realizar a entrega dos títulos aos graduados e graduadas. Durante a súa intervención, a edil destacou “a relevancia deste programa para favorecer a actualización de coñecementos entre as persoas maiores de 50 anos, así como a gran familia que aquí se formou”.

A xornada de onte comezou co último relatorio do curso, a cargo do profesor Salvador Fojón Polanco, quen profundou nas causas e as posibles solucións ante o desafío global do cambio climático. Con esta charla pechouse o bloque dedicado ás Ciencias da Vida e da Saúde, que tamén contou durante o mes de maio coa participación de Casto Rivadulla Fernández, falando sobre o cerebro e a memoria, e de Esther Fernández Fernández, quen abordou os procesos de evolución e extinción.

Formación multidisciplinar

Ao longo dos meses de abril e maio, o programa ofreceu unha visión multidisciplinar que comezou co módulo de Humanidades e Ciencias Sociais. Nesa etapa inicial, os asistentes puideron reflexionar sobre a realidade da China con Iván Nieto Cerdeiriña, analizar a arte de vangarda da man de Fernando Agrasar Quiroga e debater sobre os mitos da xustiza penal con Eva Mª Souto García e J. Antonio Ramos Vázquez. O ecuador do curso estivo marcado polas Ciencias da Terra e a Tecnoloxía, sección na que Miriam Timiraos Díaz expuxo os retos da xestión dixital da auga, Socorro Castro García analizou o futuro do hidróxeno no transporte e José Antonio Cortés Vázquez puxo o foco no papel da cidadanía ante a transición ecolóxica.

Volver arriba