saltar al contenido Saltar a la navegación principal Saltar al pie

Ortigueira aprueba definitivamente íntegramente un presupuesto histórico de 8,5 millones de euros, el POS+2026 y el contrato de servicios de limpieza municipal

Onte, 30 de xaneiro, o Concello de Ortigueira aprobou definitivamente en pleno, cos votos a favor de PP, XA e PSOE, a abstención do BNG e en contra de Primeiro Ortigueira; os orzamentos municipais para 2026, un documento económico histórico que ascende a 8,5 millóns de euros.

O acordo permitiu sacar adiante os orzamentos, unha folla de ruta que supón un crecemento de máis do 25% e un incremento de 2 millóns de euros con respecto ás últimas contas aprobadas.

Desde o executivo valoran este pacto co PSOE de Ortigueira como “fundamental para a estabilidade do municipio e a execución dos proxectos, valorando de forma conxunta cales son os máis prioritarios”. Engaden que “este acordo permitirá realizar actuacións e investimentos en todas e cada unha das parroquias por valor de máis de tres millóns de euros”.

Luz ver ao POS+2026 e ao contrato dos servizos de limpeza municipais

Ademais, na sesión plenaria de onte, aprobáronse tanto o POS+2026 da Deputación da Coruña, que inxectará máis de 1,2 millóns de euros na localidade, como a adxudicación do contrato dos servizos de limpeza, desinfección e hixiene nas instalacións municipais.

Todo iso súmase á aprobación, por unanimidade en pleno extraordinario do pasado 9 de xaneiro, á adhesión do Concello no POS+ Adicional 2026 para gastos sociais extraordinarios. Desta forma, Ortigueira tamén recibirá este ano por parte da Deputación 136.604,87 euros, que se destinarán a cubrir gastos derivados da xestión e prestación dos servizos sociais, unha das principais bandeiras das políticas municipais.

Desde o goberno local destacan que “esta achega, como cada ano, permitiranos seguir prestando determinados servizos que nós cremos que son fundamentais para Ortigueira e as persoas que máis necesitan a nosa axuda”.

Afirman ademais que “é un gran paso adiante poder adxudicar o contrato de limpezas municipais, así como poder contar outro ano máis co Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal que permitirá realizar novas actuacións necesarias e desenvolver un proxecto de vida nunha contorna rural dotada de todos os servizos básicos e dunha calidade óptima”.

Volver arriba