Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

PENABAD MURAS REORGANIZA AS ÁREAS DO GOBERNO LOCAL PARA AFRONTAR “DOUS ANOS VITAIS PARA O FUTURO DE ORTIGUEIRA”

Un reforzo de áreas e un claro propósito de adaptar os programas e actuacións municipais á nova realidade que marca a pandemia, así como afrontar dous anos vitais para Ortigueira son os obxectivos cos que o alcalde, Juan Penabad Muras, presentou o novo organigrama do equipo de goberno, do que salientou que é “coñecedor da realidade do concello e das necesidades que teñen os veciños e veciñas de Ortigueira”.

Penabad Muras incorporou ao grupo de goberno aos tres novos edís do PSOE: Miguel Ángel Yáñez Lorenzo, María Dolores Lamelas Penas e José Luis Pérez López. Os dous primeiros formarán parte da Xunta de Goberno, ocupando a terceira e cuarta tenencias de Alcaldía respectivamente.

En canto ás delegacións, Ángel Lozano Novás manterá as responsabilidades de Deportes, Xuventude e Festival Internacional do Mundo Celta, e Juan Cao as áreas de Educación, Cultura, Facenda Municipal, Promoción Económica, Emprego e Turismo. Miguel Ángel Yáñez ocupará unha delegación de especial importancia para o Concello como é a de medio Medio Rural, Servizos Básicos e Cidadanía, mentres que Maria Dolores Lamelas farase cargo de Igualdade. O terceiro en incorporarse ao equipo de goberno, José Luis Pérez López, levará a responsabilidade de Medio Ambiente.

O primeiro edil destacou que faltan algo máis de dous anos de mandato para “pechar proxectos que nestes momentos están en proceso de execución, e outras actuacións e programas que se levarán a cabo ao longo destes dous anos, co único obxectivo de atender as demandas veciñais e seguir medrando como concello e como referente na comarca”.

Back to top