O ALCALDE DENUNCIA QUE A PINZA DO PP E OS NON ADSCRITOS IMPIDE PAGAR AOS PROVEEDORES DO CONCELLO

O goberno municipal de Ortigueira, co alcalde, Juan Penabad Muras, á cabeza, critica duramente a “pinza” que no pleno de onte exerceron o grupo do Partido Popular e os concelleiros non adscritos para impedir o pago de facturas por servizos xa prestados ao Concello. Muras pediu na sesión responsabilidade a estes membros da oposición e ata propuxo un receso para tratar de achegar posturas, pero non foi aceptado. O alcalde insistiu en explicar ao pleno que se trataba unicamente de facilitar un movemento contable para poder aboar o traballo e servizos realizados polos proveedores locais e evitar así o afogamento que o retraso nos pagos produce en moitas pequenas economías que desenvolven o seu labor para o Concello ortegano.

A administración local ten recursos suficientes para facer fronte a estas facturas, xa que conta cun remanente de crédito de 2,4 millóns de euros. Precisamente, Muras fai notar o paradoxo de que tanto o PP como os non adscritos permitiron, coa súa abstención nun punto anterior, detraer destes cartos que están dispoñibles as cantidades necesarias e movelas ás partidas correspondentes. A pesares diso votaron despois en contra de facer efectivo o aboamento das facturas, impedindo na práctica saldar contas cos proveedores.

A intervención do alcalde no sentido de que só con absterse poderianse pagar estas facturas e evitar así un prexuízo importante ás pequenas empresas que suministran oa Concello non conseguiu que PP e non adscritos cambiaran de opinión. Os argumentos desta parte da oposición, que pretendía que alguna das facturas da relación fose retirada, foron respostados con contundencia co alcalde, que afirma que pagar unhas facturas e outras non suporía unha actuación de nepotismo e incorrer, ademais, en prevaricación.

Muras insiste en pedir responsabilidade tanto ao Partido Popular como aos edís non adscritos, xa que asegura que “co obxectivo de facer dano ao goberno están poñendo en perigo a economía dos proveedores municipais”. Engade que o recoñecemento extraxudicial de crédito é un procedemento legal e normalizado do que fan uso todas as administracións e corporacións locais e que só ten como obxectivo repoñer cartos cando se esgota algunha partida presupostaria. O feito de que o Concello teña ademais remanentes do ano anterior e cumpra coa regra de gasto -tal e como se informou tamén no pleno de onte- non fai senón elevar o ton da crítica que o goberno local formula contra PP e non adscritos.

O pleno de onte aprobou na súa sesión trasladar á Consellería de Educación, xa que non se presentaron alegacións en contra, o expediente para a demolición dun edificio destinado a residencia do profesorado do CEIP José María Lage que xa non presta servizo e se atopa nun importante estado de deterioración.

Back to top