A PELÍCULA “DHOGS”, PREMIADA CON 13 ESTATUIÑAS NOS MESTRE MATEO, PROXÉCTASE ESTE SÁBADO NO TEATRO DE BENEFICENCIA

Este sábado, día 15 de setembro, proxectarase no Teatro de Beneficencia a película “Dhogs”, unha longametraxe dirixida polo lugués Andrés Goteira e producida por Gaita Filmes que foi a máis premiada na historia dos Mestre Mateo do cine galego, cun total de 13 estatuiñas na edición deste ano. Percorreu ademais os máis importantes festivais de cine, como o de Sitges, o BIFFF ou o Bafici.

A longametraxe, ópera prima do autor, é un thriller rodado en galego, para maiores de 18 anos e cunha mensaxe sobre a pasividade diante do control social que retrata a violencia dun xeito crú. Entre os seus protagonistas están Melania Cruz, Antonio Durán “Morris”, Miguel de De Lira e Carlos Blanco.

A proxección terá lugar ás 20.30 horas e contará coa presenza do director, que fará unha presentación do filme. A entrada ten un prezo de 3 euros.

Back to top